Xosé Liz é un músico de recoñecido prestixio nacional e internacional no eido da música folk e da «celtic music», cun percorrido artístico e didáctico de máis de dúas décadas. As producións discográficas cos mellores artistas (máis de 40 discos: Cristina Pato, SonDeSeu, Susana Seivane, Rodrigo Romaní, Lizgairo, Uxía, Riobó, Anxo Lorenzo, entre moitos outros e outras) e a súa habitual presenza nos mellores escenarios destas músicas (Interceltique du Lórient Festival, Ortigueira Festival, Celtic Connections Glasgow, Piping Live, Vall d’Aosta…) avalan a traxectoria profesional dunha das figuras musicais máis prolíficas do país.
Na traxectoria deste multiinstrumentista vigués destaca a súa participación na orixe de grandes bandas folk galegas: Lizgairo, Riobó, Beladona, Entretrastes, obtendo con eles premios da mellor crítica (Entretrastes: segundo mellor álbum galego 2008; Lizgairo: premio ao mellor disco do ano 2009; 2019: premio ao mellor grupo e mellor canción).
Posúe moita experiencia como ensinante internacional en festivais como o Celtic Connections e Piping Live (Escocia), William Kennedy Piping Festival (Irlanda), e noutros centros de ensino como a Sibelius Academy (Finlandia), centros galegos de México e Cuba, ou nos campamentos internacionais de Alasdair Fraser e Natalie Hass en USA, Escocia e España.
En 2018 decide lanzar o seu primeiro disco centrándose na súa carreira en solitario (O Cantar dos Frautares, 2018) coas súas frautas de madeira como protagonistas.
Dende o ano 2009, é mestre titular das especialidades de corda pulsada e requinta na ETRAD de Vigo.