Iniciou a carreira de percusión tradicional da man de D. Enrique Otero Covelo (mestre de gaita no Conservatorio Superior de Vigo) como integrante na formación “Amieiros do Lagares” (Vilar – Lavadores) nos anos 80. Participa tamén na Banda de Gaitas Raigames (1981), dirixida polo mesmo mestre, sendo este un lugar de encontro con outros músicos cos que máis tarde cofunda o “Colectivo Paseniño” (1982), realizando o primeiro rexistro sonoro en colaboración co contacontos “O Xestal” (Dial Discos, S.A. 1988).
É colaborador do gaiteiro Ricardo Portela, a quen acompaña en diversas actuacións e tamén na gravación do disco “Alborada en Cotovade” (Edigal. 1990), derradeiro traballo do mestre.
Forma parte, dende 1997, do grupo “Chouteira”, co que grava os CDs “Ghuaue” (1998) e “Folla de Lata” (2001).
Ao longo da súa carreira realizou diferentes colaboracións ocasionais con grupos como Noitarega, Muxicas, Mattocongrio, Pärbo, así como colaboracións con distintas formacións corais de Vigo.
Foi mestre no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, onde, ademais de impartir clases, realizou diversos cursos de distintos estilos de percusión da man de mestres coma Eliseo Parra (percusións tradicionais da Península Ibérica), Dominic Molard (Tabla India), Marcos Teira (palos flamencos), Xurxo A. Toncoso (percusión brasileira) e Pedro Estevan (percusión manual e música antiga).
Acada a titulación de Grao Profesional en Percusión no Conservatorio Mayeusis de Vigo no ano 2017.
Na actualidade imparte clases de percusión tradicional na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD.