Diplomado pola USC en maxisterio, estuda acordeón diatónico con Pedro Pascual no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, institución pioneira na pedagoxía da música popular da Galiza, completando os seis anos previstos no plan de estudos e seguindo ata a actualidade cunha formación autodidacta tanto no ámbito do diatónico como no estudo de armonía, arranxos e composición.
Cursa até grao medio na música académica de violín para despois ampliar estudos de xeito autodidacta nos rexistros das músicas populares. Vai a talleres de música con xente coma Jacky Molard, Janick Martin, Alain Pennec, Cati Plana, etc.
Artísticamente, forma parte coma músico, principal arranxista e produtor do grupo Linho Do Cuco, formación de murga contemporánea coa que gravou os discos Linho do Cuco (Ed. Nakra, 2003), 3 (autoedición 2007), As Alegrías (Acentral Folque 2012), e Viva Viva! (Discos da Mákina 2016).
En 2017, bota a andar o proxecto Oradaladou coa cantante e acordeonista Sonsoles Penadique, co que veñen de publicar Cantigueiro de Cotobade (Ed. Galaxia 2019), conmemorando o ano Fraguas das letras galegas. Formou parte co zanfonista Óscar Fernández do dúo Fdez e Quintá e do cuarteto Estatalá, centrado na interpretación de música popular para o baile.
Desde o ano 2007 é músico das compañías de teatro e teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj, coas que leva realizado máis de 500 actuacións por toda a xeografía peninsular, e participado en 14 montaxes teatro-musicais.
En 2022, forma Estatalá, a súa propia compañía de teatro popular, para a que escribe e musica a fábula Un Rei e outros animais, para teatro de monicreques.
Dende o ano 2009 é o profesor de acordeón diatónico da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD).