Begoña Riobó estudou Arpa Céltica con Rodrigo Romaní, violín clásico con Natalia Soltan e Armando Toledo, zanfona con Anxo Pintos e violín folk con Alfonso Franco e Jacky Molard.
Licenciada en Historia da Arte, especializada nos itinerarios de música e arte contemporánea. É unha violinista de referencia no panorama folk galego. No eido da música, comeza a súa andaina profesional no ano 2000.
Formou parte da banda de “Carlos Núñez” durante sete anos, experiencia que a levou a gravar 4 traballos discográficos:
- “Almas de Fisterra” (Sony 2003)
- “Carlos Núñez e Amigos” (Sony 2004), Premio da Música ao mellor disco de música tradicional 2005
- “Cinema do Mar” (Sony 2005)
- “Nuit Celtique II”, DVD en directo no Stade de France (2003)
Durante este tempo, tocou en teatros e festivais ao longo e ancho dos cinco continentes e compartiu escenario con figuras do panorama folk como Noa, The Chieftains, Dan Ar Braz, Sharon Shannon, Solas, entre outros.
Foi membro fundadora do grupo “Irtio”, obtendo o 1º premio no Concurso de Música Folk «Xacobeo ’99» e gravou con eles o seu 1º CD «Mar de Pedra» (Discmedi 2002).
Durante os cursos 2007-08 e 2008-09, impartiu asignaturas vencelladas ao Departamento de Historia da Música do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Forma parte da sección de violíns da Orquestra Folk de Galicia SondeSeu, con quen gravou «Mar de Vigo», «Trastempo», «Barlovento», «Danzas Brancas», e «Beiralúa», traballo no que gravou como violín solista a suite San Martiño.
Foi colaboradora habitual nos directos do trío Lizgairo e dos gaiteiros Anxo Lorenzo, Susana Seivane e Xosé Manuel Budiño, entre outros.
Liderou ata 2017 a súa propia formación «Riobó», coa que editou dous traballos discográficos: «Riobó» (Zouma 2011) e «Quiral» (2015).
Imparte cursos centrados no ensino do violín no eido da música tradicional, como o curso do Festcat en Girona (2011) e o «Crisol de Cuerda» dende o ano 2011 ata hoxe, sendo o único Fiddle Camp que Alasdair Fraser e Natalie Haas organizan en España.
Foi mestra no 2018 no «Skye Trad Strings», campamento que organiza Alasdair Fraser na Illa de Skye (Escocia), nas dúas edicións do Barcelona Fiddle Congress, ou no San Simón Fiddle, campamento de verán organizado pola asociación Galicia Fiddle en todas as súas edicións, incluída a de 2021.
En agosto de 2019 foi mestra de violín folk no “Valley of the Moon Fiddle Camp” de California (EUA), dirixido por Alasdair Fraser, e tamén na edición de 2021.
En agosto de 2023 foi a arpista solista na estrea da Suite “Micelio” de Anxo Pintos, celebrada no Noia Harp Fest pola Orquestra Folk de Galicia SondeSeu.
Acada a titulación de Grao Profesional en Violín no ano 2024.
É mestra de Arpa Céltica, Conxunto Instrumental, Etnomusicoloxía, Aula Aberta de Arpa e Práctica Orquestral na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD e coordinadora da sección de violíns da Orquestra Folk SondeSeu.