Anxo Pintos, músico multiinstrumentista e compositor, comezou os seus estudos musicais aos 8 anos, dacabalo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, do seu pai Suso Pereira e do Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos que dirixía Antón Corral, chegando a incluír na nómina dos instrumentos que toca a gaita, zanfona, violín, saxo soprano e frauta de bico.
Cofundador do grupo de gaitas «Alfolíes», do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas «Xarabal» e do grupo «Matto Congrio», co que gravou o seu único traballo en 1991. Fundador de «Berrogüetto» en 1995, con quen gravou 5 discos: «Navicularia» (1996), «Viaxe por Urticaria» (1998), «HEPTA» (2001), «10.0» (2006) e «Kosmogonías» (2010). Fundou o trío «Lizgairo» xunto a Rodrigo Romaní e Xosé Liz, gravando «Diacronías» en 2009.
Recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio da Crítica de Alemaña ao mellor álbum folk en 1996 e 2001, o premio ao mellor grupo folk europeo (1997), unha nominación aos Grammy Latinos (2002), o Premio Opinión ao mellor disco galego do ano con Berrogüetto (2002), Lizgairo (2009) e SondeSeu (2011). Tamén foi galardoado co Premio da Academia á mellor canción en galego no ano 2011 con Berrogüetto, o Premio da Música “Martín Códax” ao mellor grupo folk en 2013, o Premio da Crítica de Galicia de música en 2014, o Premio Mestre Mateo 2014 á mellor banda sonora, e o Premio Andaina Senlleira de «La Opinión» en 2015. Ademais, participou no CD «Sing Me Home» de Yo-Yo Ma e a Silk Road Ensemble, que levou o Grammy ao mellor disco de World Music en 2017.
Compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas delas forman parte do repertorio de bandas tanto nacionais coma internacionais. Ten colaborado con músicos e grupos como Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía, Chouteira, Pilocha, Antón Seoane, Alfolíes, Sandeep Das e Wu Tong. Foi produtor artístico de Riobó e Rústica (Cristina Pato, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos).
En 2018 publícase Beiralúa, o último traballo da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, no que aparece a súa obra San Martiño, unha suite de 15 minutos de duración. No 2019 tamén asina a música do espectáculo de danza Entresoños para a compañía de Fran Sieira. En 2023 compón a Suite Micelio para arpa céltica e Orquestra Folk, estreada pola OFG SonDeSeu no Noia Harp Fest.
A súa actividade escénica levouno a ser convidado polo virtuoso chinés do Sheng, Wu Tong, ata en catro ocasións entre 2019 e 2020: na cerimonia de clausura da Beijing EXPO 2019 diante do presidente Li, na cerimonia de clausura do Festival Internacional de Cine de Hainan, na gala da final mundial do Chinese Bridge do Instituto Confucio e no Spring Festival de Hohhot en Inner Mongolia en xaneiro de 2020.
En 2019 funda xunto a Begoña Riobó o dúo PÄRBO, que canaliza en boa medida a súa actividade escénica presente.
No eido da zanfona, foi precursor á hora de elaborar e sistematizar unha técnica que permitira abranguer a aprendizaxe e interpretación do repertorio tradicional galego. Froito deste traballo, hoxendía é posible apreciar a influencia da súa laboura á hora de entender este instrumento en Galicia. Foi mestre de zanfona durante once anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo.
Na actualidade é presidente da Fundación SonDeSeu e compatibiliza o seu labor na ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo) como mestre de zanfona, harmonización e arranxos, conxunto instrumental, Aula Aberta de Zanfona e community manager, coa dirección da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia «SonDeSeu».