Alfonso Franco, bolseiro na Xoven Orquestra Galega. Posuidor do Grao Profesional de Violín polo Conservatorio de Santiago.
Primeiro ciclo da carreira de Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela.
Na súa carreira como intérprete, colaborou en gravacións e directos con grupos tan dispares como Siniestro Total ou Heredeiros da Crus no rock; Os Reis do KO en blues; cantautores como Javier Álvarez ou Jorge Drexler; e Milladoiro ou Emilio Cao dentro da música folk. Paralelamente, desenvolveu os seus propios proxectos musicais, como Galerna ou Tebra.
Durante máis de quince anos, formou parte do dúo de arpa céltica e violín coa arpista Paula Oanes, con quen actuou en Polonia, Francia, Portugal e Reino Unido, e percorreu case a totalidade das capitais de provincia españolas en promocións turísticas de Galicia.
Violinista no Centro Dramático Galego: «A Lagarada» de R. Otero Pedrayo.
Violinista en Chévere: «Valle Inclán Pirata», que se representou en varios portos de España e Portugal a bordo dunha goleta centenaria.
Produciu e interpretou a música de numerosas películas de cinema mudo: The Kid, Dr. Jekyll & Mr. Hyde, Oliver Twist, O gabinete do Dr. Caligari, Amencer, etc.
Representante de Galicia nos NAFCO (North Atlantic Fiddle Convention), celebrados en Canadá, Escocia, Irlanda e Cape Breton, onde presentou diversos relatorios e clases maxistrais de música galega.
Nos anos 2011 e 2012, Alfonso Franco foi convidado por Alasdair Fraser a dar clases en California, no prestixioso curso Sierra Fiddle Camp, dedicado a Galicia.
Fundador e director da Asociación Cultural «Galicia Fiddle».
Creador dos proxectos:
- Sementeira de iniciación ao violín desde a infancia.
- San Simón Fiddle, campamento musical na illa de San Simón.
- Encordass: Curso internacional de verán de instrumentos de corda.
- Galicia Fiddle Orquestra: formada polos mozos músicos xurdidos do SSF.
Alfonso visita desde o ano 2014 os distintos países aos que se dedica o curso de verán ENCORDASS, establecendo relacións con distintas agrupacións culturais e ONGs, grazas ás cales é posible becar alumnos en risco de exclusión para coñecer a cultura galega, e así mesmo compartir cos nosos alumnos as súas experiencias vitais e musicais: India 2015, Beijing 2016, Veracruz 2017, Países Árabes 2018, Hungría 2019.
O traballo desenvolvido por Alfonso ao redor do violín galego valeulle ser portada da prestixiosa revista Fiddler Magazine, na que dedicaron un extenso artigo ao panorama galego do violín folk.
Na actualidade, é mestre de violín folk na ETRAD e patrono da Fundación SonDeSeu.